Saturday 06 de July de 2024

O goberno reúnese coa veciñanza de Corrubedo para escoitar as súas inquedanzas


O goberno municipal de Ribeira mantivo unha reunión a pasada semana coa veciñanza de Corrubedo co propósito de informar das actuacións que o Concello está a levar a cabo na parroquia e para recoller todas as inquedanzas que ten a veciñanza en diferentes eidos.
Estos encontros abertos que se veñen realizando por tódalas parroquias teñen o propósito de priorizar actuacións para incluír nos orzamentos municipais, así como tamén establecer un diálogo coa veciñanza para conseguir que os recursos municipais se asignen de xeito eficaz e acorde ás necesidades reais da comunidade.

Dende o goberno municipal informouse dos proxectos que están en execución ou en proxecto, como son a pavimentación e instalación do saneamento na rúa do Colexio, cun orzamento de 67.515€, pavimentación e pluviais na Travesía dos Pozos, con orzamento de 38.459€, o saneamento na Avda. Bos Aires, con orzamento de 44.559€, a obra de pavimento e servizos na rúa Canaval, con orzamento de 45.308€ e a ampliación das pistas de Saamil, por 116.339€. Tamén se trasladou á veciñanza que “no mes de xuño se incorporará un tractor para as rozas en tódalas parroquias, que mellorará a limpeza considerablemente” explicou o rexedor.

Por parte da veciñanza propuxéronse cuestións importantes como son a mellora das actuacións en materia de accesibilidade. No caso da estrada que vai dende Corrubedo ata Teira, “o goberno municipal habilitará unha senda peonil para mellorar a accesibiilidade da mesma” informou o alcalde Luís Pérez.
Outro tema que se abordou na xuntanza foi o control efectivo do paso de vehículos privados á zona do Porto nos meses do verán. “Sabemos que Corrubedo ten moita afluencia de turismo, polo que temos que implementar regulamentos efectivos para controlar ese tráfico rodado á zona do Porto” afirmou Pérez Barral, quen explicou que xa se está a mellorar o aparcadoiro para que a poboación poida deixar o vehículo na estrada principal.

Finalmente, tratouse a mellora da canalización das augas pluviais, donde o Concello xa se están a estudar medidas que permitan retirar a auga de xeito efectivos naqueles puntos máis conflictivos e onde xera problemas á veciñanza.